Portal da Consellería de Economía e Industria

Buscador avanzado

Estás en: Portada / Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas / Funcións e competencias

DIRECCIÓN XERAL DE INDUSTRIA, ENERXÍA E MINAS

Funcións e competencias

Subdirección Xeral de Administración Industrial

A subdirección xeral de Administración industrial é a encargada de propoñer normativa aplicable en materia de administración industrial, seguridade industrial e metroloxía legal.

As devanditas normas dan lugar aos correspondentes procedementos administrativos. Estes son revisados permanentemente de acordo cos criterios de simplificación e proximidade ao cidadán. Neste sentido, estanse a abordar melloras na implantación dos procedementos, baseadas na utilización das ferramentas que as tecnoloxías da información e comunicacións (TIC) ofrecen, nun esforzo por modernizar e achegar á Administración ó cidadán.

Cómpre salientar o labor que se está a realizar en materia de axudas, que permitan o desenvolvemento de actuacións de modernización e dotación de servizos avanzados no solo empresarial. Outra liña de axudas tenta de contribuír á mellora da seguridade industrial favorecendo a substitución de maquinaria obsoleta e a renovación das instalacións domésticas de electricidade e gas na procura dun maior nivel de seguridade nos fogares.

Dende esta subdirección xeral xestiónanse o rexistro de establecementos industriais e os diversos rexistros especiais que esixe a normativa industrial (o de instalacións de venta polo miúdo de carburantes, instalacións de riscos especiais e outros).

Subdirección Xeral de Enerxía

A subdirección xeral de Enerxía conta con dúas unidades administrativas: o servizo de Infraestruturas Enerxéticas e o servizo de Enerxías Renovables.

As funcións desenvolvidas no ámbito das infraestruturas enerxéticas, son as relativas á mellora das redes de distribución de enerxía eléctrica, onde a Consellería, a través de diversos convenios de colaboración coas empresas subministradoras, financia obras nas redes eléctricas de baixa, media e alta tensión, co obxectivo de acadar os índices de calidade que establece a normativa do sector. Tamén neste ámbito promóvense as redes de distribución de Gas Natural, así como as instalacións e redes de Gas licuado do Petróleo.

Coas enerxías renovables realizase un labor de fomento a través de liñas de axudas para o uso racional da enerxía nos Concellos e nas industrias e para o desenvolvemento das enerxías renovables nas empresas e nas familias. Nesta unidade tramítanse tamén todas as autorizacións das instalacións de produción de enerxía en réxime especial (eólica, biomasa, solar, biocombustibles, hidroeléctrica, etc) e xestiónase o rexistro oficial deste tipo de produtores.

Por último, cómpre facer referencia ao impulso e execución que se está a facer do Plan Sectorial Eólico de Galicia, que supón completar o desenvolvemento de máis de 4500 MW de potencia eólica, e que unha vez rematado dará paso a un novo modelo de desenvolvemento eólico cunha forte presenza do sector público galego.

Subdirección Xeral de Recursos Minerais

A subdirección xeral de Recursos Minerais é a unidade administrativa responsable da xestión dos dereitos mineiros, isto é, dirección, coordinación e control da execución das autorizacións e concesións previstas na normativa reguladora do réxime mineiro.

Igualmente, tamén é competencia desta unidade a elaboración de todo tipo de propostas dirixidas a dinamizar e apoiar o sector mineiro galego, sobre todo, o tocante á investigación e á innovación tecnolóxica como medios para alcanzar un sector moderno, avanzado e sostible.

Esta subdirección tamén exerce as funcións de xestor do rexistro de balnearios así coma de portelo único na tramitación de expedientes relativos a estes establecementos e explotacións de augas minerais, termais e de manancial.

Ademais, desenvolve as funcións de inspección e vixilancia no relativo a prevención de riscos laborais, así como de observancia das normas de seguridade e hixiene no traballo en relación coa actividade mineira.

Dentro das funcións de planificación e dirección da política mineira destaca a potestade de desenvolvemento lexislativo, de cara á obtención dunha regulación acaída para a ordenación e o desenvolvemento da nosa industria extractiva.