19-01-2009
NOVO. Subvencións da Consellería de Innovación e Industria para a adquisición de ordenadores polos traballadores autónomos de Galicia AVISO: As empresas que queiran ser entidades colaboradoras nas axudas para a adquisición de ordenadores por parte dos traballadores autónomos poden solicitalo ata o 30 de xaneiro de 2009. (DOG nº 129 do 4 de xullo de 2008).
Poderán solicitar e beneficiarse destas axudas os traballadores por conta propia de Galicia, dados de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos da Seguridade Social, con domicilio e alta fiscal no I.A.E. para a súa actividade económica en Galicia, agás os comerciantes retallistas, dado que existen liñas de axuda desta consellería específicas para ese colectivo e para os mesmos investimentos.
O investimento irá destinado á adquisición dun ordenador persoal portátil ou de sobremesa con sistema operativo LINUX e aplicativos en software libre: OpenOffice e Mozilla Firefox.
Non se considera subvencionable a adquisición de licenzas de software adicionais á subministración básica do ordenador persoal, outros periféricos (por exemplo: impresoras, discos externos, etc), ou outro tipo de terminais (axendas electrónicas, tablet PC, teléfonos móbiles, etc).
A axuda acadará o 45 % do investimento subvencionable, cun límite máximo de 350 ? para cada solicitante. O investimento subvencionable determínase aplicando a porcentaxe de axuda sobre a base impoñible, excluíndo o IVE correspondente, que deberá ser aboado na súa totalidade polo beneficiario.
As subvencións tramítanse directamente a través dos provedores de equipamento informático que solicitaron ser entidades colaboradoras da Consellería de Innovación e Industria para o desenvolvemento desta liña de axudas (ver listaxe de entidades colaboradoras)
Os traballadores autónomos que queiran solicitar unha destas subvencións, deberán presentar na propia entidade colaboradora a seguinte documentación:
a) Copia do DNI ou NIE, en vigor, no que deberá constar o enderezo dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Copia de documento de pago mensual á Seguridade Social do mes anterior á solicitude, do Réxime Especial de Traballadores Autónomos.
c) Identificación, por declaración do solicitante, do epígrafe do IAE e localidade da Comunidade Autónoma de Galicia na que se atopa dado de alta censual no IAE.
d) Exclusivamente para o caso de que o DNI ou NIE non acredite o domicilio dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá requirirse do solicitante a presentación de certificado expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria no que figure o domicilio fiscal do solicitante. A antigüidade máxima deste certificado será de 3 meses.
A concesión da subvención será inmediata no caso de que o solicitante cumpra con todos os requisitos para ser beneficiario, e o crédito total destinado a esta liña de axudas non estea esgotado.
As solicitudes de axuda poderanse presentar nas entidades colaboradoras a partir do 9 de outubro de 2008 e ata o 10 de novembro do 2008 ou a partir da seguinte fase que se anunciará no DOG no primeiro trimestre do 2009. En ambos casos ata esgotar o crédito total consignado pola Consellería de Innovación e Industria para este proxecto que son: 659.400 ? no ano 2008 e 999.950 ? no ano 2009. Esta axuda conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.
* Para máis información dirixirse a:
Consellería de Innovación e Industria
Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información
Edificio Administrativo San Caetano, s/n bloque 5 ? 4ª andar
15781 Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlfno: 981 545 583
E-mail:
axudas.dxpisi[arroba]xunta.es